14/11/08

O ALCALDE DE DODRO, ARTURO DIAZ, IMPUTADO POR UN PRESUNTO DELITO DE PREVARICACIÓN E TRÁFICO DE INFLUENCIAS

O ALCALDE DE DODRO, ARTURO DIAZ, PRESTARÁ DECLARACIÓN O PRÓXIMO MARTES DÍA 18 DE NOVEMBRO ÁS 10,30 H NO XULGADO DE 1ª INSTANCIA E INSTRUCIÓN Nº 2 DE PADRON EN CALIDADE DE IMPUTADO, POR UN PRESUNTO DELITO DE PREVARICACION E TRÁFICO DE INFLUENCIAS

O Alcalde de Dodro, Arturo Díaz, deberá comparecer no Xulgado de Instrución nº 2 de Padrón o próximo martes día 18 ás 10,30 da mañá, para prestar declaración en calidade de imputado por un suposto delito de prevaricación e tráfico de influencias.
A denuncia foi cursada polo Partido Popular de Dodro, por supostas irregularidades na contratación realizada en novembro de 2.007 dunha praza de conserxe para o pavillón polideportivo municipal.

Vimos denunciando e pedindo explicacións dos feitos dende fai xa un ano posto que entendemos que hai múltiples irregularidades nesa contratación.
O Alcalde, Arturo Díaz, foi o presidente do tribunal de selección. O noso xuízo non podía selo xa que o artigo 60.2 da Lei 7/2007 di: : “o persoal de elección ou de designación política… non poderá formar parte dos órganos de selección.”

Non houbo convocatoria pública nin bases polo que a omisión deste procedemento orixina a nulidade de pleno dereito.
A selección do persoal da única praza ofertada realizouse unicamente cunha entrevista e foi restrinxida para minusválidos, polo que ao noso xuízo non se respectaron os principios de igualdade, imparcialidade e transparencia.

O Partido Popular presentou preguntas nos plenos celebrados o 30-11-2007 e o 14-12-2007 sobre esta contratación.
Posteriormente solicitouse Pleno extraordinario sobre supostas irregularidades legais cometidas por membros do equipo de goberno que se celebrou o 13-2-2008.

Conxuntamente coa convocatoria do Pleno, comunicóusenos Resolución da Alcaldía de data 8-2-2008 na que se di textualmente:
“Si o PP tivera un mínimo de seriedade, xa que falan de múltiples ilegalidades, deberían trasladar esa denuncia ós Xulgados competentes, o cal incluso están obrigados”.

Por todo iso, e tal e como nos "invitou" o Alcalde na súa Resolución, presentamos denuncia ante o Xulgado correspondente polos motivos expostos anteriormente.