4/9/10

AS CONTAS DO CONCELLO, A CASA DE CULTURA, OS LOCAIS CULTURAIS E OUTRAS ABERRACIÓNS

O Partido Popular de Dodro quere denunciar a xestión absolutamente irresponsable que está a levar o equipo de goberno PSOE-BNG no Concello de Dodro. De resultas desta xestión, só no ano 2008 o Concello de Dodro tivo unhas perdas de 130.000 euros, e un descenso na súa tesorería de 28.000 euros. A iso, hai que engadir que terá que devolver ó Estado 108.000 euros tras o axuste ó que obriga ó goberno do Sr. Zapatero polo déficit de ingresos da Administración do Estado nese período.
A considerable reducción de ingresos por parte do Estado, que para o ano 2010 supón un 15 %, e os gastos sen ningún tipo de control que está a acometer o goberno bipartito, suporá sen dúbida que o déficit municipal se incremente nos anos 2009 e 2010. Tal situación non fará senón conducir a unha parálise das inversións necesarias e ó aumento do endebedamento do Concello. Ó goberno PSOE-BNG bastoulle tan só un ano para levar ó Concello de Dodro á perda económica sen posibilidade real de recuperación.
A pesar diso non teñen ningún reparo en seguir aumentando os gastos, aínda sendo por todos coñecido que os ingresos das administracións públicas veranse reducidos.
Esta situación contrasta notablemente co mandato do anterior goberno do Partido Popular, que pechou os seus últimos exercicios económicos cun lixeiro superávit, que permitía facer fronte ó pagamento das facturas dos provedores, e mantiña unha situación económica saneada. Actualmente, o Concello de Dodro ten sen pagar facturas do ano 2008, mentres que segue gastando sen un mínimo control. Así, o propio alcalde do PSOE, Sr.Díaz, recoñeceu no último pleno no mes de agosto que “para facer novas contratacións de persoal non lle facía falta ningún tipo de informe económico que asegurase a existencia de crédito suficiente para esas contratacións”. Segundo o Sr. Díaz, “xa fixeron deste xeito noutras ocasións, polo que tampouco fai falla agora”.

A CASA DE CULTURA


Por outra banda, o Partido Popular de Dodro quérese facer eco das denuncias feitas por veciños de Dodro polo uso particular da dona do tenente-alcalde Sr. Franco (cabeza de lista do BNG en Dodro) da Casa da Cultura do Concello. Segundo puido saber o Partido Popular, a Casa da Cultura quedou aberta durante dúas noites e cas luces prendidas despois de que a dona do Sr. Franco estivera nela, e fora do horario laboral dos funcionarios responsables. Para o Partido Popular esta é unha situación extremadamente grave, polo que supón a utilización persoal dunha instalación pública sen ningún tipo de control. Se ben o Partido Popular requiriu unha explicación no pasado pleno ó Sr. Franco, este optou por non respostar.

LOCAL CULTURAL


Noutro orden, tamén queremos denunciar o uso doutro centro cultural do Concello para poñer unha barra de bebidas durante as festas de Lestrove. Así, e a pesar de que o Concello de Dodro paga un aluguer do local para uso social, este local durante as festas de Lestrove foi utilizado por persoas particulares para almacén de bebidas, mentres que na porta do local puxeron unha barra para servir bebidas.

Resulta totalmente surrealista que o Concello de Dodro este a pagar o aluguer dun local social e por outro lado se permita que sexa utilizado por particulares para beneficio privado. Pero tendo en conta que a dona do Sr. Franco usa a Casa da Cultura de xeito particular, non se pode esperar que lle importe o máis mínimo ó Sr. Franco que outras persoas usen outros locais do Concello tamén para o seu uso privado.

OBRAS DO AVE, ¿COMO ESTAN AS PISTAS?


Xa por último, sinalar que o goberno bipartito PSOE-BNG a día de hoxe aínda non informou sobre as obras do Tren de Alta Velocidade ó seu paso polo Concello de Dodro.

Se ben as últimas noticias parecen apuntar a un considerable retraso na súa execución, o goberno PSOE-BNG segundo a voceira do PSOE, Sra. MENE, non ten “notificación oficial” polo que non pode dicir si se retrasarán ou non. Tal resposta non mostra senón o absoluto desinterés do PSOE-BNG por unhas obras que están a causar importantísimos estragos no Concello de Dodro, e que tal e como sucedeu cas obras da Autovía do Barbanza, previsiblemente van a provocar importantes inundacións no inverno aparte de dificultar o tránsito polas pistas municipais practicamente desfeitas polo continuo paso de camións de gran tonelaxe.