19/1/13

Feijóo trasládalle a don Juan Carlos a aposta de Galicia pola internacionalización

 
  • Pide a Súa Maxestade, “como mellor embaixador que ten España”, que inclúa na súa axenda internacional os temas relativos ao naval
  • Resalta as dificultades que está a vivir o sector lácteo galego; “as dificultades que están pasando moitos gandeiros que non son capaces de que o leite se pague de acordo cos custes de produción”
  • Salienta os problemas que teñen neste momento cidadáns galegos que están atrapados polas preferentes e incide na arbitraxe como ferramenta que segue sendo válida para devolver a moitas familias “ese diñeiro que depositaron baixo o principio de confianza nas caixas e que descoñecían o alcance e contido deses produtos financeiros”
  • Transmite ao Xefe do Estado a lealdade de Galicia, a responsabilidade da comunidade e o compromiso co benestar, coa prosperidade e o crecemento económico

  • Madrid, 18 de xaneiro de 2013.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, transmitiulle hoxe a Don Juan Carlos a aposta de Galicia pola internacionalización e agradeceu o apoio e o interese da Casa Real polos temas que máis preocupan aos galegos, como o sector naval, o sector lácteo e o problema das preferentes.

    Feijóo, que foi recibido este mediodía pola Súa Maxestade El-Rei no Palacio de La Zarzuela, destacou no eido do naval a importancia que ten a Casa Real e concretamente o Xefe do Estado en posibles accións internacionais para conseguir carga de traballo nos estaleiros galegos. “Ter informado ao Xefe do Estado sobre as necesidades de barcos nas rías galegas e, en consecuencia, das nosas relacións en México, en Brasil, nos Países Árabes... é unha oportunidade que un presidente autonómico non debe desaproveitar. E, neste senso, pedinlle que na súa axenda internacional, e como mellor embaixador que ten España, inclúa os temas relativos ao sector naval; algo que me consta que está a facer xa”, aseverou.

    Así mesmo, Feijóo trasladou, durante o encontro, as dificultades que está a vivir o sector lácteo galego; “as dificultades que están pasando moitos gandeiros que non son capaces de que o leite se pague de acordo cos custes de produción”.

    O titula da Xunta informou, tamén, a Súa Maxestade dos problemas que teñen neste momento cidadáns galegos que están atrapados polas preferentes. “Moitos deles sen información suficiente cando formalizaron estes produtos financeiros”, salientou, logo de facer fincapé na arbitraxe como ferramenta que segue sendo válida para devolver a moitas familias “ese diñeiro que depositaron baixo o principio de confianza nas caixas e que descoñecían o alcance e contido deses produtos financeiros”.

    Nas súas declaracións, Feijóo valorou o especial interese de Don Juan Carlos polos problemas da comunidade: “falamos de Galicia, de como se ve desde Galicia o resto de España e dos problemas que nos afectan ao conxunto dos galegos”. E, neste sentido, transmitiu a Súa Maxestade a lealdade e responsabilidade da comunidade e o compromiso coa prosperidade e o crecemento.

    “Trasladeille a lealdade dunha comunidade co conxunto de España da que forma parte, xa que como españois preocúpanos todo o que ocorre en España; e a lealdade coa Constitución que prometemos cando asumimos o noso cargo. Así como a responsabilidade dunha comunidade que está ordenando as súas contas. Responsabilidade en ir diminuíndo as súas necesidades de endebedamento ata que, nesta lexislatura, podamos conseguir non emitir débeda e, en consecuencia, conseguir o déficit cero”.

    O presidente da Xunta subliñou que Galicia é, “e seguirá sendo”, unha autonomía solvente, cumpridora co déficit público e que paga aos provedores. E garantiu que vai seguir sendo unha autonomía comprometida co benestar e co crecemento económico: “a pesar da crise, imos seguir construíndo hospitais; imos crear 6.000 novas prazas públicas máis de garderías e de centros para maiores; e, imos seguir apostando pola educación e polas universidades”.

    No hay comentarios: